Detrás da obra hai décadas de escritura silenciosa, unha forte conexión coa memoria familiar e unha paixón pola lingua e pola narrativa breve. Hai autores que escriben pensando na publicación. Outros escriben porque non saben facer outra cousa. Pedro Naveira pertence a este segundo grupo. Moito antes de ver o seu nome na portada dun libro, xa enchía cadernos e follas con historias. Comezou na adolescencia, cando escribir era simplemente unha afección, unha forma de expresar ideas e emocións.